AS MOCHILAS VIAXEIRAS ESTÁN DE VOLTA

CURSO 2011/2012

Este curso continuamos, dentro da programación da Biblioteca Escolar, coa actividade de fomento da lectura chamada “As mochilas viaxeiras”.

22 diferentes mochilas irán polas casas dos alumnos e alumnas, con libros, revistas, cds e películas, para que toda a familia comparta a ilusión da lectura.

En cada mochila incluiremos, ademais das instruccións e do contido das mesmas, unha ficha para facer constar as opinións suscitadas sobre a actividade e o material enviado. Se se quere tamén se pode facer algún debuxo, ou engadir algunha foto. Ao rematar a actividade faremos un “diario das mochilas”, que quedará encadernado e arquivado na Biblioteca á disposición de quen queira.

A mochila estará nas casas durante 7 días.
Con esta nova experiencia pretendemos conseguir uns obxectivos:

• Que todas as familias se conciencien da importancia que ten a lectura na aprendizaxe.
• Tomar conciencia tamén do importante papel que ten a familia no fomento da lectura.
• Dar a coñecer os diferentes tipos de soportes nos que podemos atopar esta lectura: libros informativos, libros de ficción, cómics, revistas, dvds, cds, ....
• Fomentar e consolidar o hábito lector.

Non pretendemos que se vexa esta actividade como uns “deberes” , senón como un xeito de compartir e gozar de todo o material en familia.

Queremos lembrar tamén que os pais e nais que o desexen poden facerse socios da BE. Non tedes máis que achegarvos a ela e solicitar o carné de usuario.

O seguimento desta actividade, e as opinións que vaian chegando estarán tamén dispoñibles no blog da Biblioteca;

0 comentarios:

Publicar un comentario